Torre de Breoghán
Documental de creación que recolle o proceso de xestación do espectáculo Torre de Breoghán, o proxecto máis ambicioso de Luar na Lubre. O grupo folk rescata un relato épico da cultura celta sobre as invasións galegas en Irlanda para, da man da Orquestra Sinfónica de Galicia, dar forma a un espectáculo onde a música e os efectos visuais se funden nunha especial alquimia.
Sempre me gustou a música de Luar na Lubre. É potente, sensible, luminosa, viva… E ter a oportunidade de acompañalos durante o proceso de creación dun proxecto como o de Torre de Breoghàn, foi para min todo un agasallo. Retratar ese proceso converteuse axiña nunha experiencia de busca e de descubrimentos: desde as emocións que os moven cando están sobre o escenario, ata elementos troncais do concerto como é o Leabhar Gabhála, ese libro fundamental no que as raíces de Galicia e Irlanda se conectan e se enlazan para sempre.
Foi un camiño cheo de preguntas que tiñan como obxectivo final o de retratar a súa música: Como se ve esa música? Como se imaxina? Como se pode rodar?… Foi, en definitiva, unha mirada íntima ao seu mundo e, sobre todo, aos sons que lle dan vida.






