18 comidas
Oito historias que se cruzan ao longo dun día, servidas arredor dunha mesa.
Un músico da rúa reencóntrase co amor da súa vida; dous borrachos almorzan cubatas con marisco; un home cociña, cociña e cociña para unha muller que nunca chega; dous homes quérense, pero escóndense; unha cociñeira soña con ser cantante; unha moza quere o que un home non dá, mentres un camareiro morre por ela; un macedonio está perdido por desamor en Santiago de Compostela; unha parella de anciáns que xa se dixeron todo almorza, come e cea en silencio.
Todas estas historias crúzanse ao longo dun día de ficción en 18 comidas, unha película de emocións servidas arredor dunha mesa, unha viaxe polos sentimentos na máis universal de todas as loitas: a de ser feliz.
18 comidas é un xogo cun amplo grupo de actores de enorme talento, cos que exploramos distintas maneiras de loitar por ser feliz. Distintas historias que se cruzan e que se ligan a través das emocións.
Foi un proxecto moi diferente a todo o que eu fixera antes, un crebacabezas de equilibrios complexos moi difíciles de manexar (levoume oito meses montar a película), que me deu enormes alegrías: dende o proceso en si -emocionante e intenso- ata a acollida do público na súa estrea en salas e no seu paso por festivais de máis de trinta países.
Premios
Sete Mestre Mateo
e volta ao mundo.
Seleccionada en festivais de máis de trinta países. Estas son algunhas das distincións que recibiu.
- Mellor directorTaormina International Film Fest
- Premio especial do xuradoBiennale d'Annecy
- Mellor longametraxeDouro Film Harvest Festival
- Mellor longametraxe + Premio do públicoCINESCENA · Festival Internacional de La Laguna
- Premio especial do xurado + Premio do públicoOUFF Ourense International Film Festival
- 7 premios Mestre MateoInclúe director, guión, montaxe e longametraxe







